Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 18 abril 2024.

Os sindicatos da mesa sectorial convocan unha concentración diante da sede do Sergas en defensa da atención primaria

    Os sindicatos da mesa sectorial da sanidade anunciaron esta mañá unha concentración diante da sede do Sergas en Santiago de Compostela para esixir solucións á grave situación que padece a atención primaria. Comisións Obreiras (CCOO), UGT, CIG, CSIF e SATSE sinalan que cómpre investir en persoal e en condicións laborais estables para pór freo a máis dunha década de recortes e deterioración do sistema público.

    14/10/2021.
    Os sindicatos da mesa sectorial anunciaron hoxe esta concentración. Javier González (CCOO), segundo pola esquerda

    Os sindicatos da mesa sectorial anunciaron hoxe esta concentración. Javier González (CCOO), segundo pola esquerda

    O pasado 30 de setembro, as cinco organizacións rexistraron un escrito instando a Administración a que convoque decontado o Consello Técnico de Atención Primaria para, entre outras cuestións, traballar nun novo modelo de atención primaria. Reclaman, así mesmo, que se consensúe con sindicatos e profesionais da saúde.

    Tamén esixen unha nova convocatoria da mesa sectorial para negociar e aprobar o plan de ordenación de recursos humanos, orientado á nova realidade da atención primaria, identificar as necesidades de persoal e achegar solucións ás eivas xa coñecidas.

    A día de hoxe, porén, non hai resposta do Sergas. Os voceiros sindicais manifestaron a súa preocupación ante este silencio e pola proximidade da campaña da gripe e do Nadal.

    «Hai un problema», sentenciou o secretario xeral da Federación de Sanidade de CCOO, Javier González Castro. «Hai un problema e non se lle pode ocultar á cidadanía, aínda que desde o Goberno o negaban onte no debate do estado da nación», incidiu o sindicalista.

    «O problema fundamental é a falta de recursos humanos. A realidade é que a xente chama e tarda ata dúas semanas en acceder á atención primaria, que no 80 % dos casos é a porta de entrada ao sistema sanitario público», lamentou o voceiro de CCOO.

    Para González, a falta de persoal é unha eiva crónica derivada de sucesivos recortes. «Agora a taxa de reposición está no 120 %, antes no 110 %, pero durante dez anos estivo en só o 10 %. Aumentándoa agora ao 120 % non se recupera todo o emprego destruído», razoou o sindicalista.

    «As solucións pasan por investir. Cómpre que a Xunta nos diga se a saúde da cidadanía é unha prioridade ou se o é a saúde de certas empresas», sentenciou o secretario xeral de CCOO-Sanidade.

    Concentración diante do Sergas

    Para esixir solucións á «dramática» situación da atención primaria, CCOO, UGT, CIG, CSIF e SATSE convocan unha concentración diante da sede do Sergas en Santiago de Compostela o vindeiro martes, 19 de outubro, ás 11 horas.

    FACEBOOK

    TWITTER