Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 18 diciembre 2024.

28 de Abril de 2012, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo

    O 28 de Abril lembramos as traballadoras e traballadores que perderon a saúde e a vida como consecuencia das condicións en que realizaron a súa actividade profesional e para reivindicar fronte a empresas e a poderes públicos unhas condicións de traballo dignas, seguras e saudables.

    24/04/2012.
    .

    .

    » Campaña con materiais e, proximamente, relación de actos

    Dende o 15 de setembro de 2008, data do afundimento do banco de investimento Lehman Brothers e simbólico inicio da crise económica que sacode o mundo, e con especial virulencia os países periféricos da Unión Europea, vimos escoitando gobernantes, autoridades económicas e expertos afirmaren que para saír do pozo da recesión cómpre o esforzo de todos os sectores da sociedade. Non obstante, as políticas de marcado carácter neoliberal postas en marcha pola Comisión Europea e polos Gobernos da UE, lonxe de recuperaren a economía e reforzaren o carácter social de Europa, supoñen unha agresión contra a clase obreira de proporcións descoñecidas nas últimas décadas. Durante estes anos, os traballadores e traballadoras españois e europeos perdemos empregos, temos menos poder adquisitivo, vimos como se recortaban os servizos que proporcionaba o Estado do benestar e sufrimos recortes sen precedentes nos nosos dereitos sociais; o último capítulo ?e, por desgraza, cremos que non definitivo? é a reforma laboral recentemente aprobada polo goberno de Mariano Rajoy.

    Na actualidade asistimos á deterioración das condicións de traballo e a unha redución dos recursos dedicados á prevención de riscos nas empresas que inevitablemente está a supoñer un quebranto na saúde e a seguridade das persoas que, nalgunhas ocasións, ocasiona perda de vidas.

    UGT e CCOO levamos desde o inicio da crise alertando das terribles consecuencias que poden ter para a saúde laboral a tentación dos empresarios de non considerar prioritarios os investimentos en prevención, así como dos recortes na materia por parte das Administracións públicas.

    Medidas como a retirada de melloras de convenio en materia de incapacidade temporal ou a cesión do control da IT ás mutuas, unidas ao medo a perder o emprego (faltar nove días ao traballo de forma intermitente durante dous meses, incluso con baixa médica xustificada, é causa de despedimento obxectivo, como establece a última reforma laboral aprobada polo Goberno) fan que os traballadores e traballadoras do noso país acudan ao seu posto de traballo sen se recuperaren da súa enfermidade, coas conseguintes consecuencias para a súa saúde individual e mais para a saúde pública.

    Este fenómeno do presentismo está contribuíndo á involución no rigor das estatísticas de saúde laboral, xa que á infradeclaración das enfermidades profesionais que viñamos sufrindo, únese un subrexistro de accidentes leves que está servindo para maquillar as cifras de sinistralidade e ofrecer unha paisaxe da prevención de riscos que non se corresponde coa realidade. Pero se nos fixamos nos accidentes mortais, de difícil ocultación, estamos asistindo a unha ralentización no seu descenso no ámbito estatal, tanto en termos absolutos como relativos, e a un aumento nalgúns sectores económicos e comunidades autónomas, algúns deles escandalosos, como os incrementos dun 11% no sector agrario, dun 14% en Cataluña e dun 42% en Asturias, que serven de indicador do futuro da evolución da sinistralidade. O índice de incidencia dos accidentes mortais en Galicia alcanzou no ano 2011 o valor de 6,15, superior á media do Estado español 3,75, o que sitúa a nosa Comunidade no segundo lugar no conxunto estatal. O índice de incidencia de accidentes graves de Galicia, 58,46, é o máis alto de todas as comunidades, chegando case a duplicar a media estatal, 30,41. Cando analizamos o total de accidentes leves, graves e mortais, o noso índice, 3.694, segue sendo superior á media estatal, 3.440.

    Seguimos moi lonxe do declarado no 2006, data en que se produciu a reforma do cadro de enfermidades profesionais pola clara infradeclaración existente; no ano 2011 declaráronse 9.592 enfermidades profesionais con baixa menos; pero declaráronse 5.939 enfermidades profesionais sen baixa máis, o que supón un incremento do 282% con respecto ao 2006. En Galicia, no ano 2011 declaráronse 229 enfermidades profesionais con baixa menos que no 2006, o que supón unha redución do 25,1% na declaración con baixa; pola contra, as enfermidades profesionais sen baixa aumentaron un 160% con respecto ao 2006. Os sindicatos consideramos que este feito se debe ao medo dos cidadáns a perder o seu posto de traballo con motivo da crise económica; isto provocou que o pasado ano fora o primeiro en que as enfermidades sen baixa superaran as que se notificaron con baixa.

    Así mesmo, a imposición dun modelo de inserción ao mercado laboral determinado pola precariedade, polo aumento da discrecionalidade de quen emprega para impoñer a flexibilidade interna, polo medo ao paro e ao despedimento gratis ou barato e por unhas condicións de traballo cuns requirimentos físicos ou psíquicos cada vez meirandes, está a conformar uns ambientes laborais tóxicos, onde as enfermidades vinculadas aos riscos psicosociais afectan a un número crecente de traballadoras e traballadores.

    Porén, en CCOO e UGT estamos convencidos de que esta situación non é irreversible. Hoxe máis ca nunca a mobilización dos traballadores e de toda a sociedade é necesaria para demostrar que hai alternativas, que outra política económica e social é necesaria e posible, e que a existencia de traballos dignos e seguros é unha das bases en que fundamentar un cambio de paradigma económico que nos axude a saír da crise desde unha perspectiva máis xusta, equilibrada e sostible. Por este motivo, invitamos os traballadores e a cidadanía a mobilizarse este 28 de Abril en prol da saúde e a seguridade no medio laboral e en lembranza das vítimas das malas condicións de traballo.




    FACEBOOK

    TWITTER