CCOO non asinará o acordo para o novo contrato de continuidade da atención primaria

  • A Federación de Sanidade do sindicato sostén que este modelo non garante a estabilidade do persoal

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia non asinará o acordo para o novo nomeamento de continuidade para médicos de familia e pediatras. O sindicato afirma que o sistema non garante a estabilidade do persoal. Ademais, sostén que abre a porta, de xeito encuberto, a un novo modelo de atención primaria.

22/01/2019.
CCOO rexeita a proposta do Sergas

CCOO rexeita a proposta do Sergas

CCOO critica especialmente a «indefinición» en varios aspectos importantes. Por exemplo, as gardas débense realizar nun punto de atención continuada (PAC) que non queda definido no documento que se asina.

Tampouco se concreta a distancia máxima entre os centros en que preste servizos o persoal que se acolla a este contrato. CCOO rexeita deixar esta decisión na comisión de seguimento, porque significará que en última instancia o decida o Sergas.

Comisións tamén rexeita a proposta da Administración porque non ofrece libranzas despois das gardas, así como as dificultades para a conciliación: CCOO coida «insuficiente» que o persoal só coñeza con antelación o 60 % da súa carteleira.

Desde a Federación de Sanidade de CCOO rexeitan as «présas» do Sergas para implantar o novo modelo; de feito, o presidente da Xunta anunciouno aos medios de comunicación mesmo antes de que fose presentado aos sindicatos.

CCOO esixe unha «verdadeira negociación»

CCOO-Sanidade reivindica unha «verdadeira negociación» para abordar a situación da atención primaria en Galicia cun novo Plan Mellora, chegando a acordos con todos os axentes sociais para dar solucións aos problemas asistenciais e de falta de profesionais.

Por último, o sindicato insta o Sergas a convocar o comité do folga dos PAC para solucionar o conflito con este persoal.

FACEBOOK

TWITTER

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para optimizar su navegación. Si continúa navegando está dando su consentimiento para su aceptación y nuestra politica de cookies, haga click aqui para más información y ver cómo desactivarlas.