Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 28 agosto 2025.

A Consellaría de Sanidade obriga a máis da metade do seu persoal a facer máis xornada da pactada

    [25/08/2025] Comisións Obreiras (CCOO) denuncia que a Consellaría de Sanidade obriga a máis da metade dos seus case 47 000 traballadores e traballadoras a facer máis xornada laboral da que está pactada. Pola vía dos feitos, este departamento autonómico fai caso omiso do «importantísimo acordo» asinado en abril do 2023 na mesa sectorial para ir reducindo progresivamente a xornada anual ata situala en 1533 horas, equivalentes a 35 horas semanais, ademais de suprimir a obriga de traballar os sábados de mañá.

    25/08/2025.
    computos de xornada XA

    computos de xornada XA

    A secretaria xeral da Federación de Sanidade de CCOO de Galicia, Luz Fernández, sinala que neste ano 2025 «é de obrigado cumprimento» situarse nas 35 horas semanais. Porén, o Sergas deu instrucións para que milleiros de traballadores e traballadoras sigan facendo horas de máis e sen compensación. «Cada traballador ou traballadora con quenda diúrna fai un mínimo de tres días extra ao ano; son milleiros de xornadas laborais que entre todas e todos lle ‘regalamos’ á Consellaría», censura a sindicalista.

    CCOO atribúe este incumprimento á Dirección de Recursos Humanos do Sergas, que lles ordenou ás Xerencias das Áreas Sanitarias non concederen a libranza dos días extras que se traballan, «cunha falta total de transparencia e rigor», reprocha Luz Fernández.

    Esta decisión prexudica a todo o persoal da atención primaria —tanto dos centros de saúde como dos PAC— e a todo o persoal dos hospitais sen quenda nocturna. En total, «máis da metade dos 47 000 traballadores e traballadoras do Sergas padece este incumprimento», subliña a secretaria xeral de CCOO-Sanidade.

    Xornada de sábados pola mañá

    Por outra banda, a Federación sinala que tamén se está a incumprir este ano o que se refire ao traballo non obrigatorio nas mañás dos sábados. «Na práctica, moito persoal médico e de enfermaría da atención primaria segue estando obrigado a prestar servizo nese horario», apunta a dirixente sindical.

    Desde o Sergas descúlpanse en que están á espera dun Plan de ordenación de Recursos Humanos. «A día de hoxe, nin sequera temos un borrador deste proxecto. Todo parece indicar que a intención da Consellaría é que o persoal siga facendo horas a máis os sábados pola mañá, tamén no ano 2026», expón a sindicalista.

    Conclúe Luz Fernández que «nunca unha Consellaría de Sanidade causou máis desigualdades entre os seus profesionais, nin houbo maior desgoberno no Sergas, tanto pola súa incapacidade para chegar a acordos, coma polas instrucións unilaterais que ditou en pouco máis dun ano de mandato».

    Documentación asociada
    Documentación asociada

    FACEBOOK

    TWITTER