Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 27 abril 2024.

SOS Sanidade Pública concentrouse diante do Parlamento durante o debate dos orzamentos

    A Plataforma SOS Sanidade Pública, da cal forma parte o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, concentrouse este martes diante do Parlamento galego para esixir o reforzamento da sanidade nos orzamentos autonómicos. A protesta tivo lugar ás 11:00, diante do pazo do Hórreo, cadrando co debate sobre as contas autonómicas.

    19/12/2023.
    Concentración de SOS Sanidade diante do Parlamento de Galicia (19/12/2023)

    Concentración de SOS Sanidade diante do Parlamento de Galicia (19/12/2023)

    Para SOS Sanidade, os orzamentos presentados polo Goberno galego «non responden ás necesidades reais da sanidade pública e consolidan a situación actual de debilitación e privatización».

    Desde a plataforma reivindican un «pulo importante» para a atención primaria, que debe representar o 25 % do total do orzamento sanitario, quedando apenas no 14 % no proxecto que se debaterá o martes no Parlamento.

    Así mesmo, a atención hospitalaria «segue arrastrando un gran problema de accesibilidade», con listaxes de espera non publicadas —só se publican as estruturais—, «o que ocasiona atrasos nos procesos, pois a confirmación dos diagnósticos demora máis e as intervencións cirúrxicas tardan en realizarse», sinala SOS Sanidade.

    A plataforma tamén reivindica maior dotación de persoal para os hospitais e reforzar a atención da saúde mental, «un problema emerxente na sociedade actual e ao que, resulta evidente, a sanidade pública non está a dar a resposta que necesita».

    Fronte aos orzamentos que o Goberno galego leva a debate, SOS Sanidade Pública contrapón a existencia de alternativas, como as recollidas na ILP sobre a atención primaria que a plataforma levou ao Parlamento de Galicia o pasado mes de maio grazas ao apoio de máis de 50 000 sinaturas, pero que o PP rexeitou.

    Uns orzamentos que desmantelan a sanidade

    Segundo SOS, o orzamento sanitario presentado pola Xunta supón «unha renuncia» a introducir as melloras que precisa o sistema público «para resolver os graves problemas actuais».

    O gasto sanitario total é de 5190 millóns que, se ben aumenta un 4,2 %, sobe menos ca a inflación prevista (4,3 %). Na atención primaria, o gasto só aumentará 56 millóns de euros (3,5 %); descontando a inflación, realmente apréciase unha mingua do 18,6 %. Na atención hospitalaria, o orzamento sobe un 3,2 % nominalmente, pero un -25 % após descontar a inflación.

    O orzamento para a promoción da saúde será de 18 millóns (0,35 % do total), unha cifra moi exigua malia a importancia desta materia.

    A Xunta destinará a formación do persoal 77 millóns (1,5 % do total), cantidade «absolutamente insuficiente» para formar o persoal sanitario, recuperar a atención primaria, cubrir as necesidades de saúde mental ou cubrir os centos de xubilacións dos vindeiros anos.

    Paralelamente, o Goberno galego rebaixará un 50 % o imposto de patrimonio para as rendas máis altas. Os máis ricos (7700 persoas) aforran así 40 millóns de euros cada ano, mentres a poboación con ingresos menores de 22 000 euros aforrará só 20 euros.

    FACEBOOK

    TWITTER