Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 28 abril 2024.

CCOO formaliza ante a valedora a queixa pola privatización encuberta das interrupcións voluntarias de embarazo

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia formalizou este xoves ante a valedora do pobo a queixa pola externalización por parte do Sergas das interrupcións voluntarias do embarazo (IVE). A licitación, prevista por tres anos —ampliables a cinco—, ten un valor de aproximadamente 1,4 millóns de euros. Para a secretaria xeral do sindicato, Amelia Pérez, resulta «intolerable» que a Xunta de Galicia xustifique a medida nunha suposta «falta de recursos, tanto materiais como humanos» e esíxelle cambios nas súas políticas para «garantir que as mulleres poidan exercer este dereito nos hospitais públicos».

    04/09/2023.
    Fotografía de arquivo dunha protesta de CCOO en defensa do dereito ao aborto

    Fotografía de arquivo dunha protesta de CCOO en defensa do dereito ao aborto

    Así mesmo, a secretaria xeral cualifica de «pouco fundamentadas» as explicacións ofrecidas polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen atribuíu a decisión a unha recomendación do Consello de Contas. A este respecto, CCOO aclara que o sentido da dita recomendación é que exista un contrato para dar cobertura a unha práctica recorrente por parte da Administración, sen que iso sexa óbice para aumentar os recursos destinados ao sistema público.

    Segundo os datos divulgados pola propia Administración, seis de cada dez interrupcións voluntarias teñen lugar na rede pública. Polo tanto, Amelia Pérez considera que a suposta ausencia de recursos se pode «suplir perfectamente» reforzando o investimento no Sergas, algo que CCOO leva anos reivindicando.

    A lei obriga a prestar o servizo en centros públicos

    A queixa rexistrada por CCOO pon énfase no recoñecemento expreso —no prego da licitación— da suposta «imposibilidade de que os servizos sanitarios públicos do Servizo Galego de Saúde poidan prestar a dita asistencia cos recursos humanos, materiais e de infraestrutura cos que conta na actualidade».

    Esta aseveración é contraria ao establecido na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que establece o «dereito das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo, en todos os supostos contemplados pola normativa vixente de aplicación». A mesma norma determina que os principios que conforman o sistema público de saúde son «a eficacia, efectividade e eficiencia na xestión».

    «Tras máis de 15 anos da entrada en vigor da lei», asevera CCOO, os sucesivos Gobernos galegos foron «incapaces de prestar un servizo público eficaz, efectivo e eficiente da interrupción voluntaria do embarazo ás mulleres galegas, para xustificar a súa privatización agora na falta de recursos humanos, materiais e de infraestruturas do Sergas».

    Por outra banda, a Lei orgánica 1/2023, de 28 de febreiro, de saúde sexual e reprodutiva, establece que «a prestación sanitaria da interrupción voluntaria do embarazo realizarase en centros da rede sanitaria pública ou vinculados e ela», outorgando só de xeito excepcional o dereito a acudir a un centro privado. Por esta razón, CCOO agarda que a valedora inste a Xunta a garantir que as IVE se fagan na rede pública.

    Unha medida «á marxe da lei e do feminismo»

    Para a secretaria xeral de CCOO, a Lei orgánica 1/2023, de 28 de febreiro, de saúde sexual e reprodutiva, recolle moitas reivindicacións e propostas defendidas conxuntamente polo sindicato e o movemento feminista. Por esta razón, lamenta que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, «actúe á marxe da lei e do feminismo» con esta licitación en pleno verán, «pondo tamén en risco que as mulleres poidan decidir libremente».

    Comisións Obreiras reitera o seu compromiso coa defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos e coa liberdade de elección das mulleres de Galicia e do resto do mundo. Estes dereitos implican o acceso universal a un aborto legal, seguro, gratuíto e de calidade, así como a métodos anticonceptivos e a unha educación afectivo-sexual plena en todas as etapas da vida.

    FACEBOOK

    TWITTER