Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 27 febrero 2024.

SOS Sanidade recolle as primeiras sinaturas para levar ao Parlamento unha ILP en defensa da atención primaria

    A Plataforma SOS Sanidade Pública, da que forma parte CCOO, comezou o martes en Santiago de Compostela a recollida de sinaturas a prol dunha iniciativa lexislativa popular (ILP) para o reforzamento da atención primaria, deteriorada por anos de recortes. A compostelá praza do Toural foi o escenario deste traballo colectivo que pretende darlla á cidadanía a atención de calidade que merece.

    10/08/2022.
    Mesa instalada en Santiago de Compostela para recoller sinaturas en defensa da atención primaria

    Mesa instalada en Santiago de Compostela para recoller sinaturas en defensa da atención primaria

    «A Consellaría de Sanidade leva anos recortando o sistema sanitario público, particularmente a atención primaria, e favorecendo o sector privado», denuncian desde a plataforma. Asemade, critican que o Sergas «é incapaz de planificar e xestionar a atención primaria, pondo en risco a continuidade do sistema».

    Segundo SOS Sanidade, o persoal foi reducido á metade en moitos centros de saúde e puntos de atención continuada (PAC). Ao tempo, a prioridade da consulta telefónica, as barreiras para conseguir cita e os peches de centros «limitan o acceso ao sistema e crean listaxes de espera inaceptables».

    Tamén se perderon servizos, como a promoción da saúde, a prevención, a rehabilitación ou o traballo comunitario, apuntan desde a plataforma.

    No aspecto laboral, o persoal está sometido a unha «presión insoportable» e padece unhas condicións «inestables e precarias, incompatibles cunha atención de calidade».

    Con esta ILP, SOS Sanidade esixe o incremento de persoal na atención primaria, priorizar a atención presencial, reabrir os centros de saúde e PAC pechados, acabar coa precariedade laboral e fomentar a participación da poboación e do persoal sanitario na planificación e xestión dos centros.

    Malia que unha ILP só precisa 10.000 sinaturas para que poida ser admitida a trámite no Parlamento de Galicia, a plataforma fixa como obxectivo conseguir, cando menos, 50.000.

    FACEBOOK

    TWITTER