Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 18 diciembre 2024.

CCOO comparte as «xustas reivindicacións» do persoal facultativo do Sergas

    Nestes días sucédense as manifestacións de malestar por parte dos e das profesionais facultativos especialistas de área do Servizo Galego de Saúde (Sergas), entre as que destacan as dos servizos de Medicina Interna. Este colectivo, ademais dos problemas xerais que afectan ao resto de especialidades médicas, padece outros engadidos que veñen de vello e se agudizaron durante a pandemia.

    16/06/2022.
    Javier González Castro, secretario xeral da Federación de Sanidade de CCOO

    Javier González Castro, secretario xeral da Federación de Sanidade de CCOO

    CCOO comparte as «xustas reivindicacións» do persoal facultativo e lembra que os problemas se arrastran de anos atrás, polo que a situación «non pode coller por sorpresa» nin os responsables políticos nin a Administración sanitaria.

    Desde CCOO culpan as políticas de persoal dos últimos anos de provocaren un déficit de profesionais internistas que, xunto co incremento exponencial da demanda asistencial, fai que o persoal «se vexa desbordado e non tivera outra alternativa que dicir 'basta'», apunta o secretario xeral da Federación de Sanidade, Javier González.

    O sindicalista lembra que, no sector sanitario, a carga de traballo non só ten repercusións na saúde laboral dos traballadores e das traballadoras, senón tamén sobre a poboación atendida, «tal como denuncian os profesionais de Medicina Interna».

    CCOO leva anos denunciando as eivas estruturais na xestión das políticas de persoal no que atangue aos facultativos especialistas de área (FEA). Por exemplo, as «pírricas» taxas de reposición que estiveron vixentes varios exercicios, impedindo o aumento necesario dos cadros de persoal. Isto conduciu a unha «tormenta perfecta» que coloca a sanidade pública nunha situación de «urxencia». Fronte a isto, CCOO demanda unha actuación «decidida e áxil» por parte da Xunta. «Cómpre investir en persoal e na mellora das súas condicións laborais», apunta González.

    Por outra banda, as citadas políticas de persoal, baseadas na contención do gasto, «optaron polo castigo no canto de apostar pola incentivación». Como exemplo, a polémica decisión do Sergas de establecer a obriga para os FEA das especialidades de Medicina Interna, Traumatoloxía e Radioloxía de aceptaren contratos que inclúen o desprazamento durante un período de catro meses a centros de difícil cobertura, con traslado de domicilio e sen compensación económica.

    Isto tamén implica a programación de máis gardas médicas das que corresponden, o incumprimento do respecto ás libranzas do persoal ou remuneracións incorrectas aos facultativos que, por razón de idade, están exentos da realización de gardas.

    Outro hándicap engadido para os FEA de hospitais máis pequenos e comarcais son os perfís de superespecialización, requisito para solicitar o traslado a outro hospital máis grande. González lembra que estes non existen nin académica nin legalmente e oponse ao uso do concepto mentres non haxa un sistema regulado polo Ministerio de Sanidade e poida acceder a elas calquera especialista.

    Avaliación das xefaturas de servizo

    Outra eiva ten a ver coas xefaturas de servizo. CCOO reclamou nos últimos anos a modernización do actual sistema de xefaturas, reguladas por unha orde do 2006. A día de hoxe, «nunha grandísima porcentaxe» non se fixo a reavaliación —preceptiva cada catro anos— que establece a norma, sinala Javier González.

    O secretario xeral de CCOO-Sanidade sinala que, sen esta avaliación, as xefas e xefes de servizo «actúan impunemente», exercendo gran poder en múltiples aspectos do desenvolvemento profesional do persoal facultativo ao seu cargo —avaliación da carreira profesional, formación continuada e actualización de capacidades profesionais, ordenación do traballo, etc.

    Atención primaria

    Mención á parte merece o caso da atención primaria. A actual situación de falta de profesionais de medicina de familia xa se prevía no plan de ordenación de recursos humanos do Sergas do ano 2013. Neste plan facíase unha proxección das xubilacións deste persoal ao longo da década seguinte e da necesidade de repoñelo. Porén, novamente as taxas de reposición e as políticas de creación de prazas MIR «conduciunos á actual situación» de falta de profesionais. «E o que é máis grave, as condicións de traballo que se lle ofrecen a este persoal fan que nin sequera todos os profesionais que rematan a residencia opten por permanecer nos postos vacantes que hai na atención primaria galega», censura o secretario xeral de CCOO-Sanidade.

    Por último, CCOO esíxelle á Xunta que tome medidas «claras e decididas» de investimento e mellora das condicións de traballo, que fagan máis atractiva a prestación de servizos na sanidade pública de Galicia no canto das que afastan os profesionais da idea de desenvolveren a súa carreira profesional na comunidade autónoma. «En definitiva, máis incentivar e menos castigar, tanto para o persoal fixo como para o eventual», conclúe González.

    FACEBOOK

    TWITTER