Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 24 abril 2024.

O grupo parlamentario do PP eméndalle á Xunta a súa actuación no conflito de ORL do Hospital Clínico de Santiago

  • O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha resolución instando o Goberno galego a «abordar de xeito inmediato o conflito» e atender as demandas do persoa facultativo

04/02/2022.
Folga no servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Clínico de Santiago

Folga no servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Clínico de Santiago

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade o xoves unha proposición non de lei presentada polo grupo parlamentario do BNG en relación co conflito do servizo de Otorrinolaringoloxía (ORL) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). «O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a abordar de xeito inmediato o conflito existente no Servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS atendendo ás demandas feitas polo persoal facultativo deste Servizo», recolle o texto aprobado na Comisión Parlamentaria n.º 5, de Sanidade, Política Social e Emprego.

O persoal facultativo de ORL leva dous meses protagonizando varias xornadas de folga —co único apoio de CCOO— para reverter a situación de «caos organizativo» e rematar coas humillacións das que culpan o xefe de servizo. Ata o momento o seguimento da folga superou sempre o 70 % e provocou xa a suspensión de máis de cincocentas consultas.

Para CCOO resulta significativo que sexa o propio grupo parlamentario do PP o que se sume ao consenso na Cámara, «de xeito que lle emenda á Xunta de Galicia a súa actuación ante uns feitos graves que están prexudicando a cidadanía e os profesionais dun importante servizo sanitario».

Malia este consenso, CCOO aféalle ao PP que, durante o debate do texto, tentase quitarlle ferro aos feitos denunciados. A deputada popular Marta Rodríguez-Vispo reduciunos a «problemas puntuais de persoas concretas», produto «das complicadas relacións humanas» e que ocorren «en moitos centros de traballo».

A Federación de Sanidade de CCOO «lamenta que o grupo que representa o Goberno galego pretenda minimizar un problema grave», xa que a escalada de violencia verbal chegou tamén ao plano físico, como relatou a nacionalista Iria Carreira. «Hai unhas poucas semanas, como acostuma acontecer na progresión destas dinámicas descontroladas, agarrou de maneira violenta unha facultativa do servizo, provocándolle unha lesión de hematoma no brazo. Gustaríame pensar que esta non é unha situación habitual noutros servizos hospitalarios ou nas empresas», concluíu a deputada.

FACEBOOK

TWITTER