Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 23 abril 2024.

Clamor nas rúas de Santiago en defensa da atención primaria e contra os recortes

    Entre consignas como «non faltan cartos, sobran ladróns», «non á privatización», «sanidade pública e de calidade» ou «o público é servizo, o privado é beneficio», centos de manifestantes percorreron este domingo as rúas de Santiago de Compostela en defensa da atención primaria e contra os recortes na sanidade pública.

    15/11/2021.
    Imaxe da pancarta de CCOO

    Imaxe da pancarta de CCOO

    A manifestación, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, da que forma parte CCOO, é a culminación dun proceso de mobilizacións (manifestacións, concentracións, debates públicos, resolucións e pronunciamentos en plenos municipais, etc.), desenvoltas en numerosas localidades e áreas sanitarias de toda Galicia durante os últimos meses.

    Minutos antes de comezar a marcha, o secretario xeral de CCOO-Sanidade, Javier González, congratulábase pola alta participación e pola presenza de diferentes sectores sociais e políticos. «Isto demostra que xa non é posible agochar a precaria situación en que se atopa a atención primaria por mor dos recortes económios e a falta de recursos humanos», aseverou o sindicalista.

    Falta de recursos

    Precisamente, no manifesto divulgado por SOS Sanidade Pública denúnciase que a atención primaria padece as consecuencias de máis dunha década de recortes orzamentarios, falta de recursos humanos, peche de centros periféricos, barreiras de acceso á atención, hexemonía da consulta telefónica en detrimento da presencial, precariedade laboral ou interminables listaxes de espera, entre outras eivas.

    As dificultades para acceder á asistencia están favorecendo o crecemento do sector privado e a saturación dos servizos de urxencias.

    Máis recortes

    Os orzamentos para o próximo 2022 reflicten unha redución do gasto en atención primaria do 2%, que ve recortada os investimentos nun 37%, a construción de novos centros nun 4%, o equipamento nun 50% e as reformas, ampliacións e melloras nun 72%.

    Para SOS Sanidade, atención primaria non só é a porta de entrada ao sistema sanitario público, senón que «é o eixe» sobre o que descansa todo o sistema. O seu desmantelamento «abriría de par as portas a privatización da sanidade, que tanto anhela o Goberno de Feijóo», denuncia a plataforma.

    FACEBOOK

    TWITTER