Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 4 marzo 2024.

CCOO-Sanidade asina o primeiro plan de igualdade do Sergas

    CCOO-Sanidade, xunto coas organizacións que integran a mesa sectorial do ámbito, asinaron esta semana o primeiro plan de igualdade do Sergas, que recolle gran parte das reivindicacións de Comisións Obreiras. O sindicato salienta que o 80 % do persoal sanitario son mulleres e que o plan axudará «a coñecer mellor as dificultades e evitar as barreiras que poidan supoñer discriminación», así como a incluír a perspectiva de xénero «de modo transversal en todas as áreas de actividade do Sergas».

    17/07/2021.
    Javier González, secretario xeral de CCOO-Sanidade, asina o plan

    Javier González, secretario xeral de CCOO-Sanidade, asina o plan

    O plan recolle un diagnóstico en igualdade do Sergas, obxectivos e medidas que se estruturan en seis eixes de actuación. Así mesmo, prevé a creación dunha comisión de seguimento con reunións semestrais para velar polo cumprimento do acordado.

    Entre os obxectivos do plan destacan os seguintes: promover a igualdade de xénero no Sergas para lograr a igualdade real; diminuír as desigualdades e os desequilibrios que poida haber, malia que sexan de orixe cultural ou social; formar, informar e sensibilizar sobre igualdade de trato e oportunidades; vixiar de xeito especial a discriminación indirecta (situación en que unha disposición, criterio ou práctica de aparencia neutra sitúa unha persoa dun sexo en desvantaxe fronte a unha do outro sexo).

    Tres anos e medio para chegar a un plan

    En febreiro do 2018, a Federación de Sanidade de CCOO presentaba unha solicitude diante da Consellaría de Sanidade e do Sergas para que iniciasen a negociación do plan de igualdade e, así, cumprir coa obriga recollida no VII Plan estratéxico para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes da Xunta de Galicia. Após a súa publicación, cada departamento autonómico debía elaborar un plan de igualdade no seu ámbito.

    Ante a falta de resposta por parte da Administración sanitaria, en xuño do ano 2018, CCOO decidiu poñer os feitos en coñecemento da Inspección de Traballo, ao considerar que se trataba dunha «infracción social».

    A Inspección de Traballo, mediante un requirimento, instou o Sergas a presentar toda a documentación relacionada co VII Plan estratéxico, o que motivou o comezo das negociacións do citado plan de igualdade, agora por fin asinado.

    FACEBOOK

    TWITTER