Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 17 abril 2024.

CCOO denuncia a carencias nas residencias de maiores de Santiago de Compostela tuteladas pola Xunta

  • O sindicato pide tamén a revisión do protocolo de derivación e ingreso de residentes na unidade de hospitalización Porta do Camiño

04/04/2020.

A Federación de Sanidade de CCOO denuncia denuncia carencias nas residencias de maiores de Santiago de Compostela tuteladas pola Xunta de Galicia. Segundo o sindicato, hai falta de material sanitario, de equipos de protección individual (EPI), así como desabastecemento de fármacos básicos e infradotación de persoal.

Neste contexto, CCOO-Sanidade pide a revisión do protocolo de derivación e ingreso de residentes na unidade de hospitalización Porta do Camiño, segundo o cal só poden ingresar na dita unidade casos confirmados de COVID-19 procedentes de residencias da Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela e da Barbanza, con grao de dependencia leve-moderada (grao 1).

Debido a isto, das oitenta camas dispoñibles na unidade asistencial, a día de hoxe, só once están ocupadas. Mentres isto acontece, un insuficiente número de profesionais atende «sen material sanitario nin EPI abondo» a residentes positivos e asintomáticos, que continúan nas instalacións.

Desde o sindicato afirman que, en vez do grao de dependencia —modificable cando un residente está enfermo, pois pasa de ser autónomo a dependente— o criterio de derivación a seguir debería ser médico- asistencial e epidemiolóxico. Asemade, CCOO solicita:

— Illar os casos positivos que haxa nas residencias de maiores en residencias como a da Porta do Camiño, onde hai persoal sanitario do Sergas para atendelos e poden permanecer illados do resto de residentes sen esta doenza.

— Os casos positivos que precisen hospitalización deberían estar nun centro sanitario hospitalario, público ou privado, «coma calquera outro cidadán que non estea nunha residencia».

CCOO non comparte que haxa casos positivos de COVID-19 que permanezan nas residencias, debido á actual falta de medios materiais e humanos.

Por último, CCOO pide tamén que todas as residencias de maiores que estean intervidas pola Xunta teñan un profesional de enfermería da sanidade pública que se encargue de coordinar os recursos humanos e materiais, xa que os centros sociosanitarios non son centros sanitarios e a actividade que agora están realizando é sanitaria, «aínda que case sen recursos».

FACEBOOK

TWITTER