CCOO denuncia incumprimentos laborais no servizo de cociña da residencia Divina Pastora de Vilagarcía

  • Esta mesma semana, o sindicato porá os feitos en coñecemento da Inspección de Traballo

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia denuncia os incumprimentos laborais no servizo de cociña da residencia Divina Pastora de Vilagarcía de Arousa. O persoal está a vivir unha situación «límite» que motivou que a pasada semana houbese unha reunión co alcalde para o informar da problemática e pedirlle que a trasladase tanto á dirección da residencia como ao seu padroado. Así mesmo, o sindicato presentará esta mesma semana unha denuncia na Inspección de Traballo.

14/10/2019.
CCOO denuncia incumprimentos laborais no servizo de cociña da residencia Divina Pastora

CCOO denuncia incumprimentos laborais no servizo de cociña da residencia Divina Pastora

Segundo CCOO, os problemas orixináronse en marzo do ano pasado, cando unha nova empresa (Alprinsa, con sede en Asturias) se fixo cargo do servizo de restauración da residencia e subrogou o persoal. O cambio de titularidade «xa comezou mal», sinala CCOO, pois prescindiuse de dúas persoas. No último ano e medio continuaron os problemas, con xornadas laborais «que superan con moito o límite de corenta horas semanais» e o incumprimento dos períodos de descanso e da súa distribución.

Tamén hai unha sobrecarga de traballo, tanto pola falta de persoal, como pola non cobertura de baixas médicas. Isto provoca que as traballadoras e traballadores deban asumir tarefas que en principio non lles corresponden, sexa de tipo burocrático ou de pedidos de material, labores de preparación de alimentos, cociñado, tarefas de limpeza e outras.

A Federación de Sanidade de CCOO asegura que estas «deplorables» condicións de traballo repercuten na saúde dos traballadores e das traballadoras —aumentou o número de baixas médicas no último ano e medio— e tamén na prestación do servizo ás persoas residentes.

Actualmente, o persoal do servizo de restauración fórmano un cociñeiro, unha limpadora, unha axudante de cociña e dous axudantes de comedor que traballan en dúas quendas para un centro con algo máis dun cento de persoas entre residentes e as relixiosas que o dirixen.

FACEBOOK

TWITTER

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para optimizar su navegación. Si continúa navegando está dando su consentimiento para su aceptación y nuestra politica de cookies, haga click aqui para más información y ver cómo desactivarlas.