Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 4 julio 2025.

CCOO-Sanidade denuncia o despedimento dunha traballadora con discapacidade física na residencia compostelá SARquavitae

  • Na presentación da súa política de responsabilidade social corporativa, esta empresa gábase da súa aposta pola non discriminación e o apoio á diversidade funcional

A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras de Galicia denuncia o despedimento dunha traballadora con discapacidade física na residencia compostelá SARquavitae San Lázaro. O sindicato reproba, ademais, as «malas formas» da empresa, que alegou unhas supostas «causas obxectivas» cando o motivo real é a negativa a adaptarlle a esta persoa o seu posto de traballo á nova situación.

23/03/2016.
Captura de pantalla da páxina web de SARquavitae gabándose de apoiar a diversidade funcional

Captura de pantalla da páxina web de SARquavitae gabándose de apoiar a diversidade funcional

CCOO explica que a discapacidade desta traballadora se debe, precisamente, a un accidente laboral, o que fai «aínda máis sangrante» toda a situación. Esta persoa, con máis de dez anos de antigüidade, levaba varios meses de baixa médica e o informe da mutua indicaba que se lle debía adaptar o posto de traballo. Porén, a reacción da empresa foi, como se indicou, o despedimento.

A Federación de Sanidade de CCOO critica a «hipocrisía» de SARquavitae, xa que ao tempo que bota unha traballadora que durante máis dunha década se entregou «con profesionalidade» ao seu cometido, na súa páxina web gábase dunha política de responsabilidade social corporativa que aposta pola non discriminación e o apoio á diversidade funcional.

Ademais, na sección destinada ás ofertas de emprego, SARquavitae alardea de manter un «contorno agradable» e de facilitar unha «maior autonomía na organización do traballo», incluso «adaptándose na medida do posible ás necesidades de cada traballo».

FACEBOOK

TWITTER