Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 20 abril 2024.

CCOO reuniuse coa Xunta para reivindicar unha unidade de pneumoloxía no Hospital Comarcal de Valdeorras

  • Isto permitiría que os doentes accedesen ao servizo sen necesidade de percorrer máis de cen quilómetros ata o Hospital de Ourense

O mércores 17 de xullo, representantes de Comisións Obreiras reuníronse co director xeral de Asistencia Sanitaria da Xunta de Galicia, Jorge Aboal Viñas, para solicitar unha área de pneumoloxía no Hospital Comarcal de Valdeorras. Tamén lle entregaron un dosier sobre os casos de silicose detectados nos últimos anos, así como un informe do Instituto Nacional da Silicose.

18/07/2019.
O sector da lousa é o máis importante en Valdeorras | Foto: lppicture (Pixabay)

O sector da lousa é o máis importante en Valdeorras | Foto: lppicture (Pixabay)

A delegación de CCOO estivo integrada polo secretario nacional de Saúde Laboral, Roi Fernández, a súa homóloga da Federación de Industria, Inma Santamarta, e José Hurtado. Os representantes sindicais salientaron a necesidade de reforzar a cobertura sanitaria nesta comarca, ante os numerosos casos que están aflorando ultimamente.

A silicose está relacionada co sector da lousa, o máis importante da comarca. A creación da área de pneumoloxía evitaría que a poboación se tivese que desprazar ata o Hospital de Ourense para acceder ao servizo, situación especialmente gravosa polo déficit de comunicacións —como mínimo, cen quilómetros de distancia e hora e media de traxecto.

Por último, desde CCOO apuntan que a creación da área de pneumoloxía non substituíra as competencias que a día de hoxe ten o Instituto Nacional da Silicose, con sede en Oviedo, xa que segue a ser «esencial» en todos os aspectos relacionados con esta patoloxía.

Pola súa parte, o responsable do Sergas comprometeuse a estudar petición, a solicitar un informe técnico sobre a súa viabilidade e a dar resposta no prazo máis breve posible.

FACEBOOK

TWITTER