CCOO denuncia o convenio da sanidade privada de Lugo para introducir melloras sociais e desterrar «soldos de miseria»

  • Comisións, sindicato maioritario, tomou a decisión para actualizar as táboas salariais xa que as empresas se resistían facelo, malia que en moitos casos están por baixo do salario mínimo

Comisións Obreiras (CCOO), sindicato maioritario da sanidade privada na provincia de Lugo, denunciou o convenio provincial para introducir melloras sociais e desterrar os «soldos de miseria» que aínda recollen as táboas salariais vixentes. A organización sindical tomou a decisión ante a «resistencia» de moitas empresas a actualizar os salarios, malia que en moitas categorías se sitúan por baixo do salario mínimo interprofesional (SMI) vixente.

04/07/2019.
Categorías profesionais como a de hixienista dental están por baixo do SMI

Categorías profesionais como a de hixienista dental están por baixo do SMI

Segundo CCOO, cobran por baixo do actual SMI de 900 euros mensuais as categorías de matrón ou matrona, fisioterapeuta, logopeda, asistente social, graduado/a social, titulado/a mercantil, oficial administrativo/a, técnico/a especialista, dietista ou hixienista dental. Todas elas, con salarios base entre os 775,75 e os 892,26 euros. Os restantes grupos e categorías profesionais «non están moito mellor», xa que os seus salarios base non chegan aos 1100 euros brutos.

«Estamos nun momento de recuperación económica, pero esta débese trasladar tamén aos traballadores e ás traballadoras», sinalan desde a Federación de Sanidade de CCOO. Coas actuais táboas salariais, o único que hai é «unha precariedade galopante e pobreza laboral», conclúe o sindicato.

Para CCOO, o xeito máis eficaz de solucionar o problema é a denuncia do convenio, pois así tamén se poderán abordar outras melloras «que non admiten máis demora». Entre elas salienta a redución de horas de traballo efectivo, regular de xeito máis eficaz e limitar a distribución irregular da xornada, considerar os días de libre disposición como días efectivamente traballados (polo que non os habería que recuperar), mellorar as licenzas retribuídas conforme ao Real decreto lei 6/2019, elaborar e entregar os calendarios de traballo anuais (logo da negociación cos sindicatos), melloras relativas ao gozo das vacacións (suprimindo a preferencia de elección por parte da empresa).

Por último, para «non hipotecar o futuro do persoal», CCOO propón unha duración do convenio substancialmente inferior ao agora denunciado, que era de nove anos.

FACEBOOK

TWITTER

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para optimizar su navegación. Si continúa navegando está dando su consentimiento para su aceptación y nuestra politica de cookies, haga click aqui para más información y ver cómo desactivarlas.