Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 28 marzo 2024.

A Xustiza dálle a razón a CCOO e confirma fraude de lei e nulidade do despedimento dunha embarazada nunha clínica dental de Lugo

  • A traballadora deberá ser readmitida no seu posto de traballo, agora con carácter indefinido, e indemnizada con máis de 6500 euros por Dentix por «vulneración de dereitos fundamentais»

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dálle a razón a CCOO e sentencia a nulidade do despedimento dunha traballadora contratada en fraude de lei que prestaba servizos en Lugo para Dentoestetic Centro de Salud y Estética Dental (Dentix). A empresa está obrigada a readmitir a afectada no seu posto de traballo e a indemnizala con 6521 euros pola vulneración dos seus dereitos. Con esta decisión, o Alto Tribunal galego revoga unha sentenza emitida o pasado outono polo Xulgado do Social n.º 2 de Lugo.

12/04/2019.
A traballadora estaba contrada en fraude de lei pola clínica dental, sentencia o TSXG | Foto:Pixabay

A traballadora estaba contrada en fraude de lei pola clínica dental, sentencia o TSXG | Foto:Pixabay

Na súa demanda, os servizos xurídicos de CCOO sinalaban o carácter «fraudulento» do contrato da traballadora, xa que era eventual por acumulación de tarefas e estaba ligado ao suposto incremento de carga de traballo a raíz dunha campaña publicitaria. Con todo, a realidade é que fora contratada xusto no inicio da actividade comercial da clínica, en agosto de 2017, cunha duración que se prolongaba ata finais de novembro do mesmo ano.

No momento de despedila, a empresa pretendía argumentar que se trataba dunha simple fin de contrato, pero o sindicato defendía a nulidade, xa que a empregada formaba parte do cadro de persoal estrutural, pola razón antes mencionada.

Ademais, CCOO pedía que se declarase a vulneración do dereito fundamental da traballadora a non ser discriminada por razón de sexo —artigo 14 da Constitución española—, alén do suposto da nulidade aplicable ao despedimento de traballadoras embarazadas —artigo 55 do Estatuto dos Traballadores.

Neste punto, cómpre sinalar que Dentix lle prorrogou o contrato á traballadora alén do 27 de novembro de 2017, que era a data inicial de finalización. Non obstante, a comunicación do seu despedimento fíxose o 27 de febreiro, menos dun mes despois de que a mutua aseguradora lle recoñecese unha «situación de risco durante o embarazo».

Readmisión, indemnización e salarios de tramitación

Con esta sentenza, o TSXG acepta o recurso de suplicación presentado polos servizos xurídicos de CCOO. En primeiro lugar, dálle a razón ao sindicato e considera que a traballadora estaba contratada en fraude de lei, xa que realizaba traballo estrutural e non podía ser eventual por acumulación de tarefas. Por esta razón, debe ser considerado como unha contratación indefinida.

En segundo lugar, o Alto Tribunal incide no recurso de Dentix á contratación temporal de xeito «fraudulento», xa que após despedir a denunciante por unha suposta mingua no número de visitas á clínica, contratou máis traballadoras.

Por todo isto, o TSXG sentencia que «estamos ante un dos supostos de nulidade obxectiva» do despedimento, ao tempo que confirma que se produciu a «vulneración de dereitos fundamentais» desta traballadora. Así mesmo, alén de obrigar á readmisión e á indemnización da denunciante, tamén obriga a Dentix a pagarlle todos os salarios deixados de percibir desde a data en que lle rescindiu o contrato, o 27 de febreiro de 2018.

Contra esta sentenza só cabe recurso de casación para unificación de doutrina perante o Tribunal Supremo, no prazo de dez días hábiles inmediatamente seguintes a partir da data de notificación da resolución xudicial.

FACEBOOK

TWITTER