Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 3 mayo 2024.

CCOO amosa a súa preocupación polo futuro da lavandería do Hospital Psiquiátrico de Conxo

  • O sindicato denuncia a «política de amortización encuberta» de prazas por parte da Xerencia, paso previo á desaparición do servizo público

04/02/2022.
Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela | Foto: Google Street View

Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela | Foto: Google Street View

A Federación de Sanidade de CCOO amosa a súa preocupación polo futuro da lavandería do Hospital Psiquiátrico de Conxo. A partir deste martes, 1 de febreiro, desaparece unha praza, o que sumado á non cobertura de ausencias «impide que se poida desenvolver o traballo normal». O sindicato acusa a Xerencia da área sanitaria de querer deixar os doentes sen este servizo público mediante unha «política de amortización encuberta» de prazas.

Na lavandería lávase a roupa dos doentes ingresados no Psiquiátrico, ademais da uniformidade do servizo de atención primaria ou da roupa delicada —como a dos neonatos—. Tamén funciona como lencería, desde onde se recibe, clasifica e distribúe toda a roupa de cama e de aseo do centro.

CCOO advirte de que o peche suporía que estes doentes non tivesen cuberta esta necesidade, pois a maioría carece de soporte familiar ou de dispoñibilidade económica para pagar un servizo externo, o que o que os colocaría nunha situación de maior vulnerabilidade.

Terapia ocupacional

O sindicato alerta tamén doutro prexuízo engadido, pois o servizo de lavandería forma parte do dispositivo de terapia ocupacional e rehabilitadora para doentes con trastorno mental. O desmantelamento do servizo público negaríalles o acceso a iniciativas de reinserción laboral, sinala Comisións.

Por todo isto, desde CCOO instan a Xerencia a sumir o compromiso de mellora do Hospital Psiquiátrico e a cumprir coas obrigas recollidas no Plan Galego de Saúde Mental, sen que isto último poida facerse á custa do peche ou recorte doutros servizos.

FACEBOOK

TWITTER