Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 28 abril 2024.

CCOO denuncia a «inoperatividade» das salas de radioloxía do CHUS polas constantes avarías duns equipos «descatalogados»

    A sección sindical de CCOO da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza denuncia a «inoperatividade» das salas onde se realizan as exploracións radiolóxicas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). Segundo o sindicato, contan con equipos «vellos» e «descatalogados no mercado desde hai moito tempo», situación que facilita que as avarías sexan habituais.

    09/01/2024.
    CCOO denuncia o mal estado dos equipos de radioloxía e pide a súa substitución

    CCOO denuncia o mal estado dos equipos de radioloxía e pide a súa substitución

    Actualmente existen dúas salas de raios nas Urxencias do CHUS, «pero dificilmente se poden encontrar en servizo as dúas a un tempo pois case sempre algunha delas está avariada» porque as máquinas son «obsoletas» e reparadas con pezas doutros equipos. Deste xeito, co uso constante, «ao pouco volven estar estragadas», sinala CCOO.

    Alén destes problemas técnicos, as salas «non se adaptan á tecnoloxía existente na actualidade», apunta Comisións. Unha delas, por exemplo, «é das poucas analóxicas que quedan en Galicia». Isto motiva que, en moitas ocasións, haxa que repetir as radiografías, «sometendo o doente a unha irradiación innecesaria e inxustificada».

    Desde a sección sindical de CCOO sinalan que hai case un ano —concretamente, en marzo do 2023— que os responsables da Xerencia da Área Sanitaria se comprometeron a renovar as máquinas, pero a día de hoxe «nada se sabe ao respecto».

    O sindicato insta a acometer canto antes esa renovación, xa que esta situación ten repercusións tanto na saúde laboral do persoal sanitario —con constantes lesións musculares polo mal estado dos aparellos— como no desbordamento das Urxencias e os tempos de espera que deben padecer os doentes.

    FACEBOOK

    TWITTER