Na pasada mesa sectorial do SERGAS do día 20 de abril CCOO asinou un acordo que inclúe melloras nas condicións de traballo e retributivas en diversos conceptos e categorías sobre materias principalmente vinculadas á xornada complementaria, gardas, nocturnidade e festividade entre outras. Os acordos son os seguintes:
MELLORA RETRIBUTIVA PARA TODAS AS CATEGORÍAS EN GARDAS, ATENCIÓN CONTINUADA, NOCTURNIDADE E FESTIVIDADE:
Incremento dos conceptos anteriores para tódalas categorías profesionais de persoal estatutario e persoal residente en formación que realiza atención continuada ou gardas, nocturnidade e festividade, incluíndo as categorías profesionais de atención primaria e hospital. Os incrementos serán os seguintes:
1-Incremento do 7.9% nas contías vixentes de gardas en días laborables e complemento de nocturnidade. (o 50% do importe dos anteriores incrementos será aplicado ao 1 de Xullo de 2023).
2-Incremento do 15.61% das contías correspondentes a gardas de domingo ou festivo e complemento de festividade vinculada a atención continuada.
3-A noite do venres pasará a considerarse noite prefestiva nas categorías de persoal sanitario e non sanitario con atención continuada.
DESCANSOS E ORGANIZACIÓN DAS GARDAS:
Actualización da normativa de gardas localizadas e de libranzas do persoal, incluído o persoal residente en formación, coa finalidade de ditar unha normativa corporativa que vele pola seguridade e saúde dos/as traballadoras/es.
DÍAS DE ESPECIAL SIGNIFICACIÓN 24 E 31 DECEMBRO:
Aboamento dos festivos, nas categorías que actualmente non as perciben e que traballan en quenda de mañá ou tarde tanto na atención primaria como no hospital.
PAGO DA TURNICIDADE EN QUENDA DE TARDE E DESLIZANTE:
Implantarase o complemento de turnicidade en atención primaria para quendas de tarde e deslizantes. Acordaranse as condicións de aplicación no seo da mesa sectorial.
Así tamén, o complemento de quenda terá un incremento de 7,9% a aplicar en xaneiro de 2024.
XORNADA LABORAL DE 35 HORAS:
Redución de 112 horas sobre a xornada ordinaria de 37,5 horas, nas seguintes condicións:
No ano 2023: redución de 21 horas na xornada laboral.
No ano 2024: redución de 49 horas na xornada laboral.
No ano 2025: redución de 42 horas na xornada laboral.
Lembrade que estes acordos enmárcanse na negociación que se mantén na mesa sectorial e que inclúe máis medidas que se están a negociar.