Carreira profesional para todos e todas no Sergas
O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Javier Gónzález, explica que a carreira profesional do Sergas parte dun acordo logrado o 29 de outubro de 2017. En virtude dese pacto, a Administración comprometíase a negociar esta demanda como parte das esixencias sindicais para desconvocar a folga que estaba prevista no ámbito sanitario.
Un acordo discriminatorio
CCOO-Sanidade sinala que a acta do acordo de desconvocatoria de folga «recolle que a carreira profesional sería para todo o persoal». Con todo, o posterior pacto entre o Sergas e os sindicatos CIG, UGT, CSIF, SATSE e CESM, recollido na Orde de 20 de xullo de 2018, deixaba fóra a numerosos colectivos, máis de vinte mil persoas. Por esta razón, CCOO negouse a ratificar a carreira profesional e non asinou o mencionado acordo.
Durante as negociacións, CCOO lembroulles ao resto de sindicatos e á Administración que había sentenzas noutras comunidades autónomas que prohibían discriminar o persoal no acceso á carreira profesional. «Non poden alegar descoñecemento, porque informamos destas circunstancias», incide González. O voceiro de Comisións indica que «os propios servizos xurídicos da Consellería, antes da publicación da Orde, alertaban nun informe de que o contido podía non axustarse a dereito».
Nestas circunstancias, CCOO-Sanidade iniciou no 2018 a vía xurídica para defender os dereitos das persoas excluídas da carreira profesional. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu o 27 de novembro de 2019 unha sentenza na que lle daba a razón a CCOO. Posteriormente, o Sergas recorreu en casación perante o Supremo, que agora, máis dun ano despois, volve fallar a favor deste sindicato.
A Xustiza anula tres puntos da carreira
A sentenza do Tribunal Supremo deixa sen efecto tres puntos da carreira profesional do Sergas, de xeito que acaba coas discriminacións. En primeiro lugar, anula o grao inicial da carreira, que carecía de melloras económicas. Tamén anula a restrición de participación exclusiva do persoal fixo no réxime transitorio e excepcional. Deste xeito, poderá participar todo o persoal que cumpra o requisito de tempo traballado, sexa cal for o seu vínculo coa Administración. Finalmente, anula o requisito de ter logrado a condición de traballadora ou traballador fixo antes do 31 de decembro de 2011 para poder participar na convocatoria do ano 2020.
Isto supón, que grazas á intervención de CCOO, todo o persoal do Sergas —fixo, interino, substituto, eventual, funcionario ou laboral— pode optar a cobrar a carreira profesional, sempre que cumpra o requisito de tempo traballado. Todo o persoal ten dereito a optar ao réxime transitorio e excepcional —encadramento.
Execución da sentenza
CCOO pídelle á Administración que acate a sentenza e faga que os efectos laborais e económicos se apliquen retroactivamente desde o 1 de xaneiro de 2019 para todo o persoal excluído, sen obrigar a solicitar a execución da mesma.