Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 4 mayo 2024.

CCOO afirma que a unidade creada en Vigo para os casos de ébola é unha «cortina de fume» e denuncia o peche de servizos

  • Concentración hoxe ás 11 h do persoal de lavandaría do Hospital Meixoeiro

A Federación de Sanidade de CCOO de Vigo afirma que a unidade de illamento creada no Hospital Meixoeiro para os casos de ébola é unha «cortina de fume» e denuncia o peche de servizos sanitarios, como o de microbioloxía. Desde o sindicato critican, ademais, que os profesionais da saúde só tiveron noticia disto a través dos medios de comunicación.

22/08/2014.
concentración Meixoeiro

concentración Meixoeiro

Segundo recollen os medios de comunicación, nesta unidade illaranse os casos sospeitosos de ébola de toda Galicia, contará con catro camas e funcionará seguindo un protocolo de actuación que estaría a ultimar a Consellaría de Sanidade.

Precisamente, debido á ausencia de información oficial, o sindicato comarcal de Sanidade de CC OO de Vigo rexistrou un escrito na Xerencia de Xestión Integrada de Vigo, no que inquire sobre a veracidade da información recollida polos medios de comunicación e pide coñecer tanto a localización das catro camas de illamento como os protocolos de actuación sanitaria e a formación específica que recibirán os profesionais da saúde.

Ademais, CCOO solicita con carácter «urxente» a creación dun servizo de enfermidades infecciosas no ámbito da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo. Esta reivindicación está relacionada co recente peche do laboratorio de microbioloxía, parado máis de 72 horas tanto no Hospital Xeral como no Meixoeiro.

O sindicato denuncia que esta interrupción do servizo provocou que os resultados de estudos microbiolóxicos chegaran tarde e que os doentes foran atendidos mediante antibioticoterapia empírica, isto é, subministráronlles antibióticos segundo os seus síntomas, pero sen ter identificada a bacteria causante do proceso infeccioso. Alerta tamén de que enfermidades como as meninxites e encefalites precisan unha diagnose rápida para evitar secuelas negativas na saúde.

Comisións denuncia que o recurso á antibioticoterapia empírica, amais de deteriorar a calidade asistencial, tamén ten un custo económico, xa que os doentes deben ocupar máis tempo unha cama hospitalaria, circunstancia que se evitaría mantendo os protocolos de apertura do laboratorio. «E menos mal que non se produciu unha alarma de ébola co laboratorio pechado», sinala o sindicato.

Contra a privatización da lavandaría

A Federación de Sanidade de CCOO continúa a mobilizarse en Vigo contra o peche e a privatización de servizos sanitarios. Hoxe mesmo terá lugar un novo acto reivindicativo, nesta ocasión pola privatización do servizo de lavandaría do Hospital Meixoeiro. Haberá unha concentración ás 11 h na entrada do centro, na que tamén participarán os sindicatos UGT e CIG.

FACEBOOK

TWITTER