Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 18 julio 2024.

Miles de persoas demandaron este Primeiro de Maio en Galicia que a recuperación chegue xa a toda a cidadanía

  • CCOO e UGT convocaron manifestacións na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Viveiro, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo

Miles de persoas participaron nas manifestacións que CCOO e UGT convocaron en toda Galicia (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Viveiro, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo) para conmemorar este Primeiro de Maio e reclamaron que a recuperación chegue xa a toda a cidadanía. Para isto, cómpre que os Gobernos, o central e galego, poñan riba da mesa todos os mecanismos necesarios para garantir emprego estable, salarios xustos, pensións dignas e máis protección social.

02/05/2017.
Manifestación Santiago

Manifestación Santiago

Porque «xa non hai escusas» para que os traballadores e as súas familias continúen á marxe da recuperación económica, insistiron os sindicatos.

Neste Primeiro de Maio, os secretarios xerais de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e UGT, José Antonio Gómez, denunciaron que a tímida mellora da situación do emprego está «ensombrecida» por máis e máis precariedade. Aquelas persoas que teñen un posto de traballo ven día tras día diminuídos os seus ingresos, pois ter un traballo «xa non garante ter unha vida digna», lamentaron os dirixentes sindicais ao remate da manifestación principal, na Coruña.

Tamén ás persoas pensionistas lles diminuíron os seus ingresos, malia que as pensións, nos peores momentos da crise, foron dos principais baluartes para sustentar moitas familias. Ao tempo, ás persoas que continúan en situación de desemprego, aínda lles resulta cada vez máis difícil acceder aos mecanismos de protección social habilitados.

Os secretarios xerais de CCOO e UGT afirmaron hoxe que «é preciso que a clase traballadora poida vivir dignamente co froito do seu traballo, e que aquelas persoas que non teñen un emprego poidan acceder a un en condicións dignas».

Os datos revelan que, malia medrar a economía, Galicia segue sen recuperar emprego. O PIB xerado en Galicia no 2016 aumentou en relación co 2007, previo ao estalido da crise, en 1.611 millóns de euros. «Algo está fallando», advertiron Aguión e Gómez.

Fronte a isto, entre o cuarto trimestre de 2007 e o cuarto trimestre de 2016 perdéronse en Galicia más de 146.000 ocupacións. Galicia está entre as comunidades autónomas que máis emprego perden nestes anos, só superada por Estremadura e Valencia. O desemprego subiu neste mesmo período en 107.800 persoas, un 111,8 % máis.

Con todo, os dirixentes sindicais alertaron dunha realidade «aínda máis preocupante»: a situación «límite» de moitas familias galegas a causa do paro de longa duración, que se converteu xa nun elemento estrutural e que está a xerar situacións de pobreza e exclusión social. O paro de longa duración pasou de representar o 27,7 % no 2007 ao 58,2 % na actualidade. «Xa son moitas as persoas, con familias detrás, que non conseguen escapar da epidemia do desemprego e a realidade evidencia que, canto máis tempo nesta situación, máis difícil é saír dela», apuntaron.

Por todo isto, criticaron que os mecanismos articulados pola Xunta en materia de emprego «é evidente que non funcionan», e instaron a Administración galega a pór riba da mesa todas as medidas necesarias para romper o «círculo vicioso» do desemprego que se instaurou no mercado laboral galego.

Malia a complexa realidade, a Xunta reduciu a dotación orzamentaria en políticas activas de emprego en máis de 137 millóns de euros dende o ano 2008. A este recorte de fondos hai que sumarlle o recorte en prestacións e o endurecemento no acceso a elas, imposta polo Goberno central. De feito, en Galicia quedan fóra do sistema de protección 110.000 persoas en situación de desemprego.

Neste contexto, as mulleres seguen a levar a peor parte. A taxa de actividade das mulleres galegas está á cola do Estado; a taxa súa de temporalidade é case catro puntos superior á dos homes; a taxa de paro segue sendo superior en 1,3 puntos, e só un 43,3 % de mulleres en paro perciben prestacións, fronte ao 56,7 % dos homes. E que dicir da mocidade, que se ve obrigada a abandonar Galicia na busca dun futuro mellor ante a falta de expectativas.

Segundo Aguión e Gómez, todo isto ten «consecuencias dramáticas»: as desigualdades, a pobreza e o aumento progresivo da exclusión social, que afectan a máis do 22 % da poboación.

Fronte a esta realidade, ambos os sindicatos demandan:

? A derrogación das reformas laborais, que instalan a precariedade como norma de contratación e só fomentaron a desigualdade e a perda de dereitos.

? Pór en marcha un plan de choque polo emprego con recursos.

? Devolver o equilibrio de forzas na negociación colectiva, para que os sindicatos e empresarios poidan negociar en igualdade de condicións.

? Reformar o sistema de prestacións por desemprego para facer que chegue a todas as persoas en paro.

? Un SMI suficiente e estable, que chegue aos 1000 euros a finais da lexislatura.

? Unha lei de igualdade salarial.

? Derrogar a reforma das pensións de 2013. As pensións teñen que subir por riba do IPC.

? Acometer unha reforma fiscal integral que consiga máis ingresos e reparta mellor os esforzos, así como loitar contra a fraude fiscal.

? Poñer en marcha unha prestación de ingresos mínimos para todas aquelas persoas que, querendo traballar, non o poden facer.

? A recuperación progresiva do gasto en sanidade, educación, protección social e axuda á dependencia.

? Un plan estratéxico para a industria.

FACEBOOK

TWITTER