O Supremo dálle a razón a CCOO nun litixio que beneficiará a milleiros de traballadores e traballadoras de residencias privadas

  • O alto tribunal clarifica o xeito en que han gozar os períodos de descanso; CCOO levará «con urxencia» este asunto perante a comisión paritaria do convenio de residencias da terceira idade

O Tribunal Supremo (TS) dálle a razón a Comisións Obreiras (CCOO) nun litixio contra o grupo DomusVi ?antes Geriatros? que beneficiará a milleiros de traballadoras e traballadores de residencias privadas da terceira idade en Galicia. Con esta sentenza, a sala do Social asume os argumentos do sindicato e clarifica o xeito en que se han gozar os períodos de descanso no convenio do ámbito.

30/04/2018.
Fotografía de arquivo dunha protesta sindical fronte á residencia de SAR Quavitae en Santiago

Fotografía de arquivo dunha protesta sindical fronte á residencia de SAR Quavitae en Santiago

Aínda que existen dificultades para determinar o número exacto de potenciais beneficiarios e beneficiarias desta sentenza, un estudo presentado por CCOO este mesmo mes de abril cifra nunhas 16.000 o número de persoas que estarían a traballar en residencias da terceira idade, das que a maior parte son privadas ?polo tanto, dentro do ámbitro deste convenio.

Xa que a decisión do Supremo é firme e contra ela non cabe recurso, CCOO levará «con urxencia» este asunto perante a comisión paritaria do convenio.

Antecedentes

En maio do 2016, o Xulgado do Social de Santiago de Compostela dáballes a razón a CCOO e a unha delegada no sindicato na residencia da terceira idade que SAR Quavitae ?do grupo DomusVi? ten na capital de Galicia. A traballadora reclamaba o gozo dos descansos que lle correspondían tanto na xornada ordinaria como as compensacións polos excesos horarios producidos, peticións non atendidas pola denunciada.

O Xulgado compostelán obrigaba a empresa a recoñecerlle á denunciante a compensación polos días festivos traballados nos anos 2012, 2013, 2014 e 2015 na forma que marca o artigo 38 do convenio de residencias privadas da terceira idade da Comunidade Autónoma de Galicia.

Como se deben recuperar as horas?

A empresa presentou recurso de suplicación perante o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG), que en maio do 2017 se pronunciou en termos análogos ao Xulgado do Social de Santiago. Segundo o alto tribunal galego, a traballadora e o resto das compañeiras debían ser compensadas con 1,3 xornadas laborais por cada día festivo traballado. Tamén lles recoñeceu o dereito a un descanso mínimo semanal de 36 horas ininterrumpidas ?isto é, un día e medio?, ao tempo que o descanso diario entre xornadas debería ser dun mínimo de 12 horas.

A sentenza do TSXG tamén aclaraba que o descanso entre xornadas non se podía solapar co semanal ?tal como especifica o convenio no artigo 29.a?, polo que nalgúns casos o descanso continuado sería de 48 horas ininterrompidas.

Así mesmo, para os efectos de determinar a xornada anual, o período de descanso debe computar como tempo traballado, cuestión á que se opuña a empresa.

A Federación de Sanidade de CCOO lembra que a sentenza do TSXG foi «de gran dureza» contra SAR Quavitae, xa que o alto tribunal chegaba a afirmar que, caso se aceptar a interpretación feita por SAR Quavitae nas súas alegacións, estaríase a premiar a empresa polos seus incumprimentos: «suporía beneficiar, aínda que só fose parcialmente, a quen, co seu incumprimento do convenio colectivo, foi a parte contractual causante da situación de confusión» e ocasionando «un prexuízo á traballadora, que non fixo senón reclamar aspectos do seu dereito que lle recoñece o convenio».

FACEBOOK

TWITTER