Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 7 octubre 2026.

CCOO solicita ao SERGAS que dote con prazas de TCAE todos os centros de Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

  • [19/08/2026] O sindicato rexistra a solicitude de dotación de TCAEs para todos os centros de saúde da área sanitaria e entrega máis de 500 sinaturas de traballadores e traballadoras de Pontevedra e O Salnés, nas que se esixe ao SERGAS a incorporación inmediata destes profesionais.

19/08/2026.
entrega por parte dos delegados de CCOO Sanidade das sinaturas dos traballadores e traballadoras da área sanitaria e rexistro da solicitude na sede do SERGAS en Santiago de Compostela.

entrega por parte dos delegados de CCOO Sanidade das sinaturas dos traballadores e traballadoras da área sanitaria e rexistro da solicitude na sede do SERGAS en Santiago de Compostela.

Desde CCOO Sanidade Pontevedra lévase tempo reclamando, nas sucesivas Comisións de Centro de Atención Primaria, a creación de prazas de TCAE nos centros de Atención Primaria da área de Pontevedra e O Salnés nos que, a día de hoxe, non existen estes profesionais. 

Aínda que desde a Xerencia de Pontevedra nunca se puxo en dúbida a necesidade e a xustificación da presenza deste persoal, a resposta ofrecida foi sempre a mesma: que desde Servizos Centrais do SERGAS non autorizan a dotación de novas prazas desta categoría profesional.

Ante esta situación, CCOO Sanidade Pontevedra iniciou unha campaña de información e de recollida de sinaturas entre os profesionais da área sanitaria esixindo a dotación de TCAEs nos centros de saúde onde faltan.

Situación da área sanitaria

No distrito sanitario de Pontevedra, un bo número de centros sanitarios carecen de TCAEs: Pontesampaio, Vilalonga, Dena, Meaño, Barro, O Campo Lameiro, Mosteiro, San Martiño de Meis, Portas, Cuntis, Moraña, Tenorio, Carballedo, Cerdedo, Forcarei, Soutelo de Montes, A Lama e Ponte Caldelas.

Dáse, ademais, o agravante de que non contan con presenza de TCAE dous centros que dispoñen de Unidade de Fisioterapia: Tenorio e Caldas de Reis (A Tafona). E tampouco conta con TCAE na quenda de mañá o centro de saúde de Cerdedo no que polas tardes e noites funciona como PAC de Terra de Montes.

No distrito sanitario do Salnés carecen de TCAE o centro de saúde de Catoira e os consultorios de Vilaxoán e Baión.

Necesidade de TCAEs: colectivo imprescindible

Desde CCOO entendemos que os equipos de Atención Primaria non están completos se faltan os técnicos e técnicas en coidados de enfermaría. Moitas das súas funcións, como a reposición de material e a súa distribución nas consultas, a limpeza, desinfección e esterilización do material cirúrxico, así como a revisión das caducidades e maletíns de transporte, colaboración nas analíticas, curas e diferentes técnicas, entre outras tarefas, teñen que ser asumidas por outros profesionais, como o persoal de enfermería, unha categoría deficitaria á que se lle está sobrecargando as súas axendas.

Polo tanto, está máis que xustificada a incorporación destes profesionais en todos os centros de Atención Primaria.

Reivindicación de CCOO

Por outra banda, desde a Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de Galicia trasladouse esta demanda en reiteradas ocasións á Mesa Sectorial do SERGAS e solicitouse a creación de interinidades en praza vacante para os centros de saúde nos que estes profesionais aínda non están presentes.

Coa implantación de TCAEs en todos os centros de saúde conséguese unha mellora da atención e da calidade asistencial á cidadanía, ao tempo que se lle reduce a carga de traballo e se lle presta apoio a outras categorías profesionais de Atención Primaria nas actividades que desenvolven.

 

FACEBOOK

TWITTER