Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 12 mayo 2026.

CCOO denuncia ante a Inspección de Traballo a inseguridade laboral que sofren os traballadores da Unidade Verde do Hospital de Verín

  • [24/03/2026] O sindicato CCOO denunciou ante a Inspección de Traballo ao SERGAS polas condicións de inseguridade laboral na Unidade Verde do Hospital de Verín, onde o persoal leva meses traballando sen medios axeitados para mobilizar pacientes dependentes, asumindo riscos tanto para a súa saúde como para a dos doentes.

24/03/2026.
Hospital de Verín. Fonte: google

Hospital de Verín. Fonte: google

A sección sindical de Sanidade de CCOO en Ourense e Verín denunciou ante a Inspección de Traballo ao SERGAS da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras polas condicións de inseguridade laboral que están a sufrir as traballadoras da Unidade Verde, unidade de hospitalización de medicina interna do Hospital de Verín.

Pacientes dependentes e falta de medios

Esta unidade caracterízase por atender pacientes con alto grao de dependencia nas actividades da vida diaria, que precisan axuda constante para a súa mobilización. Para realizar estas tarefas con seguridade, tanto para o persoal como para os doentes, resulta imprescindible contar con equipamentos adecuados como grúas de mobilización, que reducen o risco de lesións musculoesqueléticas.

Meses cunha grúa avariada

Porén, desde o 7 de xaneiro de 2026, a grúa da unidade atópase avariada. Nun primeiro momento, a Xerencia do hospital optou por compartir a grúa da Unidade Amarela como solución provisional. As traballadoras adaptáronse a esta situación, aínda que isto supuxo un empeoramento das condicións de traballo e da calidade asistencial.

Sen ningún equipamento para mobilización

A situación agravouse o pasado 13 de marzo, cando tamén se estragou a grúa da Unidade Amarela, deixando sen ningún dispositivo para a mobilización de pacientes. Como resposta, o SERGAS reforzou o servizo cun celador, unha medida que o sindicato considera positiva ao evidenciar a falta de persoal xa denunciada en reiteradas ocasións. Con todo, isto obrigou a asumir a mobilización manual dos doentes, incrementando os riscos para a saúde dos profesionais. “Os profesionais non son grúas”, lembran desde o sindicato.

Desde entón, o persoal trasladou reiteradamente esta problemática a través de partes de reparación, escritos á Xerencia do hospital e á Consellería, así como mediante o sistema SINASP de notificación de incidentes en seguridade do paciente. Segundo denuncian, a resposta recibida por parte da Xerencia e da Dirección de Enfermería caracterizouse por malos modos e advertencias que responsabilizaban ao persoal das consecuencias de traballar nestas condicións, ademais de tentar disuadilos de empregar o SINASP.

Na actualidade, a única solución ofrecida pola Xerencia é unha grúa antiga que, segundo o persoal, xera inseguridade no seu uso debido ao maior risco de accidente laboral. As traballadoras levan así meses con serias dificultades para desempeñar o seu labor en condicións seguras, tanto para elas como para os doentes.

CCOO esixe medidas urxentes

Desde CCOO esixen á Xerencia do Hospital de Verín que cumpra coa súa obriga de garantir a seguridade e a saúde do persoal.

Documentación asociada
Documentación asociada

FACEBOOK

TWITTER