Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 18 enero 2026.

CCOO, UGT e CSIF asinan o acordo de desconvocatoria de folga en Atención Primaria

  • [25/11/2025] Os sindicatos deixan sen efecto as accións previstas en Atención Primaria para o 26N tras acadar un acordo co SERGAS que recolle as reivindicacións presentadas, entre elas, a retirada da categoría FEAP a culminar no 2029

26/11/2025.
Acordo fin de folga 26N

Acordo fin de folga 26N

Despois dunha longa e complexa negociación co SERGAS, as organizacións sindicais anuncian a desconvocatoria de folga na Atención Primaria de Galicia prevista para o mércores 26 de novembro de 2025.

A decisión chega tras presentar o SERGAS un documento no que acepta 16 das 17 demandas sindicais, o que supón unha clara mellora das condicións económicas, organizativas e laborais de todo o persoal de Atención Primaria, reivindicacións que levaban anos pendentes de resolución.

Melloras retributivas

1. Enfermería de PAC: equipárase o valor/hora das horas de xornada complementaria ao prezo das gardas de Atención Primaria. Entrada en vigor o 1 de xaneiro do 2026.

2. Médicos de PAC: as noites do venres pagaranse igual ca noite do sábado. Entrada en vigor o 1 de xaneiro do 2026.

3. Médicos e enfermeiras de PAC: abono da prolongación de xornada sempre que se realice. Entrada en vigor o 1 de xaneiro do 2026.

4. Manutención: subida da indemnización de 10 a 15 €. Entrada en vigor o 1 de xaneiro do 2026.

5. Pago por TIS modulado por idade e complexidade, coa garantía de non perda retributiva. Entrada en vigor o 1 de xaneiro do 2027.

6. Complemento de soidade e illamento para todas as categorías profesionais. Entrada en vigor o 1 de xaneiro do 2027.

7. Incentivos (económicos e/ou doutro tipo) para os postos de difícil cobertura. Entrada en vigor o 1 de xaneiro do 2027.

Medidas non retributivas

1. Retirase o documento presentado na Mesa Sectorial do 17 de outubro que pretendía unha homologación “propia” de Medicina Familiar.

2. Desaparición total da categoría FEAP. Non se farán máis OPEs desta categoría.

3. Mantense o modelo asistencial actual: persoal específico para os centros de saúde e persoal específico para os PAC, garantindo a continuidade e calidade asistencial.

4. Elaboración dun plan de RRHH de AP en 6 meses que incluirá a análise das cargas de traballo, novas categorías profesionais que sexan necesarias, estudo de ratios por categoría e centro, definición dos postos de difícil cobertura e incentivación dos mesmos.

5. Concurso específico para a especialidade de enfermería familiar e comunitaria no 2026 e negociación dun plan plurianual que incremente as prazas das especialidades de enfermería familiare e comunitaria e pediatría.

6. Consolidación definitiva do taxi para a atención domiciliaria (sen necesidade de prórrogas).

7. Antes de que remate o ano, negociación a un novo sistema de cómputo de xornada para os PAC, que entraría en vigor o 1 de xaneiro do 2026.

8. Xornada de 35 horas semanais para as UAP e SEAP, incluindo días de libranza cando os festivos coincidan nun sábado (sistema de compensación como ten o persoal da Xunta).

9. Renovación de material e equipos en Atención Primaria. Estudo no 2026 e inclusión nos orzamentos do 2027.

A valoración de CCOO é que se trata dun acordo gañador, que supón un avance histórico para a Atención Primaria galega e pon fin a anos de preocupacións, falta de recursos e ausencia de planificación real. As demandas conseguidas teñen garantía da súa implantación con datas e compromisos concretos a curto prazo.

Por outra banda, as melloras permitirán reforzar os equipos, garantir unha mellor organización asistencial e ofrecer unha atención de mellor calidade á cidadanía.

FACEBOOK

TWITTER