Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 12 diciembre 2025.

Os sindicatos chaman á folga os máis de 20.000 traballadores e traballadoras da Atención Primaria

  • [07/11/2025] Os sindicatos CIG, CSIF, CCOO e UGT anunciaron este venres unha folga na Atención Primaria para o vindeiro 26 de novembro, acompañada de mobilizacións nas xornadas previas. Están chamados a participar na convocatoria os máis de 20 000 traballadoras e traballadores que a integran.

07/11/2025.
Conferencia de prensa para anunciar a folga e mobilización na atención primaria. Por CCOO participou a secretaria xeral da Federación de Sanidade, Luz Fernández Tuñas

Conferencia de prensa para anunciar a folga e mobilización na atención primaria. Por CCOO participou a secretaria xeral da Federación de Sanidade, Luz Fernández Tuñas

As organizacións convocantes avanzan concentracións os días 18, 19 e 20 diante dos centros de saúde e PAC en quendas de quince minutos, ás 11:00 e ás 18:00 horas. Tamén prevén unha concentración o día 19 diante do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), ás 11:00 da mañá. A xornada de folga do día 26 incluirá unha manifestación diante do SERGAS entre as 11:00 e as 12:00 horas.

Esixen a retirada das medidas do SERGAS

As centrais reclaman a retirada inmediata da proposta de medidas presentada polo SERGAS o pasado 17 de outubro e a eliminación da categoría de facultativo especialista en atención primaria (FEAP). Esixen tamén a negociación dun Plan de ordenación de recursos humanos que permita coñecer con precisión as necesidades de persoal e establecer medidas transitorias mentres non haxa suficientes profesionais dispoñibles.

Entre as demandas inclúense a revisión das ratios por categorías, o incremento de persoal administrativo, a creación de novas categorías profesionais e a actualización do modelo retributivo con melloras nas contías por tarxetas sanitarias, nos complementos de soidade e illamento, na manutención e nas quendas do persoal dos puntos de atención continuada (PAC).

As organizacións defenden ademais a convocatoria do concurso específico de enfermaría familiar e comunitaria, a mellora dos recursos materiais dos centros e a aplicación efectiva da redución de xornada pactada en 2023. Reclaman a eliminación do aplicativo de cómputo horario do persoal de PAC, a supresión da xornada complementaria obrigatoria e garantías de que non se abrirán vías alternativas para exercer en medicina familiar e comunitaria sen a titulación correspondente.

CCOO rexeita o uso de medidas que xa fracasaron

Os sindicatos anunciaron as mobilizacións nunha conferencia de prensa conxunta este venres. Por CCOO participou a secretaria xeral da súa Federación de Sanidade, Luz Fernández Tuñas. A sindicalista advertiu de que o actual contexto de déficit de persoal médico «xa existiu noutros momentos, como no 2005 ou no 2008, cando se instaurou o modelo de PAC».

Lembrou que naquela etapa se alcanzaron acordos na mesa sectorial «para paliar transitoriamente esta falta de médicos ata que no 2013 xa houbo profesionais». Indicou que o fundamental agora é adoptar medidas transitorias e negociar un plan de ordenación de recursos humanos «que permita saber o mapa do que nos falta e o que necesitamos, e ver como paliar a situación mentres non haxa profesionais no mercado».

Asemade, criticou que o SERGAS «en vez de novos plans, usa idénticas estratexias a hai vinte anos e xa comprobamos que non funcionaban».

Por outra banda, a secretaria xeral de CCOO-Sanidade cualificou de «ocorrencia, histrionismo» a proposta do Sergas de homologar como especialistas en medicina familiar e comunitaria a profesionais extracomunitarios por vías alternativas, mediante unha formación docente nas unidades existentes. Advertiu de que esta fórmula «desvaloriza totalmente a atención primaria e os seus profesionais». Subliñou que esta pretensión é unha «liña vermella» para os sindicatos.

Por último, advertiu do prexuízo que os plans do SERGAS lle causarán á cidadanía, especialmente no tocante ás gardas obrigatorias. «Por exemplo, se unha persoa tiña unha demora de cinco días para obter cita en medicina de familia, agora poden ser oito, porque o profesional estará obrigado a facer gardas e iso atrasá o tempo de obtención das citas»

FACEBOOK

TWITTER