Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 12 diciembre 2025.

CCOO denuncia a deterioración das condicións laborais dos médicos de familia por parte da Consellaría de Sanidade

  • [04/06/2025]. A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia denuncia a deterioración das condicións laborais dos médicos de familia por parte da Consellaría, adoptando medidas «que consolidan a precariedade e a desigualdade respecto de outros médicos especialistas». Segundo o sindicato, entre estas actuacións están a imposición de peores condicións laborais, a transformación de prazas sen garantías legais e incluso peores retribucións.

04/06/2025.
Sede da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia

Sede da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia

CCOO explica que a Consellaría de Sanidade obriga o persoal médico da atención primaria a traballar sábados pola mañá, fóra da xornada ordinaria. Este labor é retribuído a 28 euros por hora —o mesmo valor ca unha garda—, moi por baixo dos 42 euros/hora que perciben os especialistas do ámbito hospitaliario que realizan a mesma xornada e que ademais o fan de maneira voluntaria.

Uso inadecuado da categoría dos FEAP

A esta situación engádese a transformación de prazas de médicos de familia con gardas voluntarias en prazas de facultativo especialista en atención primaria (FEAP). A secretaria xeral de CCOO-Sanidade, Luz Fernández, explica que esta categoría foi creada orixinalmente para postos de difícil cobertura. Trátase de profesionais médicos que realizan funcións análogas á de medicina de familia, pero con gardas obrigatorias. Para a creación destas prazas é preciso un informe da Administración que xustifique a difícil cobertura.

O que está a facer agora a Xunta é crear prazas de FEAP de maneira «indiscriminada e escurantista» en centros urbanos onde hai unha alta demanda de outros profesionais para trasladarse mediante concurso. A Consellaría está a efectuar estes cambios «sen os informes preceptivos que deberían avalar unha reconfiguración de prazas, ou cando menos, sen facelos públicos», subliña a sindicalista.

Esta estratexia non só implica obrigar o persoal a facer gardas «sen opción a escolla» —apunta Luz Fernández—, senón que limita a mobilidade dos médicos de familia, «que ven bloqueadas as súas opcións de acceso a prazas solicitadas en concursos de traslados», apunta. En resumo, a Consellaría de Sanidade «retribúe peor e restrinxe dereitos aos médicos de familia da atención primaria».

Desde CCOO-Sanidade esíxese a «retirada inmediata» destas medidas, o respecto aos procedementos legais, a mesma retribución para todo o persoal especialista e a retirada das prazas de FEAP que non teñan un informe que corrobore a difícil cobertura.

FACEBOOK

TWITTER