Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 19 abril 2024.

CCOO denuncia a precariedade laboral na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica

  • A «mala organización» e a «excesiva» carga de traballo son a causa de numerosas baixas médicas entre o persoal, alerta o sindicato

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia a precariedade laboral na Fundación Pública Galega Medicina Xenómica (FPMX). Segundo o sindicato, a «mala organización», a «excesiva» carga de traballo e a ausencia de medidas de prevención de riscos están por tras das numerosas baixas médicas que se producen nun dos organismos máis prestixiosos do ámbito científico galego.

18/04/2021.
Foto: Lkolosov (Pixabay)

Foto: Lkolosov (Pixabay)

Ao tempo que a dirección da FPMX tenta pór en marcha a normativa ISO de calidade, «descoida a saúde das súas traballadores e traballadores». Malia que a situación foi posta en coñecemento dos responsables da fundación, «só recibimos palabras, nunca feitos», sinala a sección sindical de CCOO.

Desde o sindicato critican que a política de empresa se basee no «compromiso profesional» para sacar o traballo adiante, sen ter en conta as condicións en que se fai. CCOO advirte da falta de recursos humanos e dunha organización do traballo que non promove o axeitado funcionamento das responsabilidades dos mandos intermedios e concentra a carga no persoal de base.

Canto á saúde laboral, CCOO critica a ausencia de «políticas eficaces» de prevención de riscos —entre eles, os ergonómicos— ou a «nula prevención de riscos psicosociais». Todo isto ten como consecuencia baixas médicas por estrés laboral e de dano muscular, entre outras patoloxías que se dan «nun persoal que leva anos extenuado», comezando nalgúns casos a desenvolver doenzas crónicas.

Actualmente, hai once técnicos e técnicas no cadro de persoal, dos cales a metade está de baixa. Así mesmo, entre os traballadores e traballadoras da fundación hai unha persoa cunha baixa de longa duración e polo menos tres máis continúan a traballar malia as dores físicas —que poden acabar desembocando en baixas.

FACEBOOK

TWITTER