Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 20 abril 2024.

Milleiros de persoas saíron á rúa en defensa da sanidade pública

  • A manifestación foi convocada por SOS Sanidade Pública, plataforma da que forma parte CCOO
  • Contra a deterioración da atención primaria e o desmantelamento e peche de servizos nos hospitais públicos
  • Críticas á dirección da CRTVG pola «manipulación» no tocante á información sanitaria e apoio ao colectivo Defende a Galega

Milleiros de persoas participaron o domingo na manifestación nacional convocada por SOS Sanidade Pública, plataforma da que forma parte CCOO. A marcha partiu da Alameda de Santiago de Compostela e percorreu varias rúas da cidade ata rematar nunha ateigada praza da Quintana, onde se leu un manifesto, cuxas mensaxes principais clamaron contra a deterioración da atención primaria e o desmantelamento e peche de servizos nos hospitais públicos.

11/02/2020.
Pancarta de CCOO

Pancarta de CCOO

No texto, SOS Sanidade salienta que a sanidade pública galega «segue en perigo e están a saltar todas as alarmas». Lembra, tamén, que hai un ano houbera outra gran manifestación contra a reforma da lei galega de saúde, aprobada polo PP en solitario, pero «a Xunta de Feijóo segue facendo o xordo a este clamor e teima en transformar o sistema sanitario nunha oportunidade de negocio para as empresas multinacionais e os fondos de investimento».

Para SOS Sanidade, a reforma da lei estaba dirixida a «desmantelar» un sistema que garantía un nivel de equidade «máis ca razoable» e o acceso universal á asistencia sanitaria. «Aínda sendo verdade que a sanidade pública precisa reformas, as medidas de cambio non deben copiar modelos privados que demostraron ser máis custosos, inxustos e ineficaces, sobre todo en países onde goberna o neoliberalismo». Moi pola contra, «a universalidade, a equidade, a accesibilidade e a eficiencia deben ser os sinais de identidade», enfatiza a plataforma.

No manifesto tamén se critica a decisión de supeditar a atención primaria ás xerencias hospitalarias, «contraladas por burócratas ao servizo de Feijóo», o que supuxo «importantes recortes de persoal, orzamentos e equipamentos». A consecuencia desta deterioración foi a «rebelión» do persoal da atención primaria, que protagonizou unha longa folga.

O texto tamén rexeita a supresión de varias áreas sanitarias e o desmantelamento dos hospitais comarcais, co exemplo paradigmático da sala de partos de Verín e da súa unidade de pediatría, que ocasionou unha forte contestación social que obrigou a Xunta a rectificar.«O pobo, cando se une, é capaz de vencer o Poder», salienta SOS Sanidade.

Denunciando as enormes listaxes de espera hospitalaria e as condicións laborais do persoal —con recortes de dereitos e contratos «que se poden catalogar como lixo»— concluíron as reivindicacións de SOS Sanidade Pública.

Críticas á manipulación informativa e apoio a Defende a Galega

As críticas da plataforma tamén se dirixiron á política de comunicación da Xunta de Galicia e, especialmente, ao papel desempeñado pola CRTVG, á que cualificaron de «voceira do PP». Fronte á «manipulación informativa» por parte da corporación pública no tocante á información sanitaria, SOS Sanidade Pública amosou o seu «apoio incondicional» ao colectivo de traballadoras e traballadores Defende a Galega «que están connosco hoxe aquí».

FACEBOOK

TWITTER