Federación de Sanidad y Sectores Sociosanitarios de CCOO Galicia | 29 marzo 2024.

CCOO logra que máis de vinte mil traballadoras e traballadores da sanidade pública sexan incluídos na carreira profesional

  • O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deulle a razón ao sindicato e considera que a carreira forma parte das condicións de traballo, polo que non pode haber discriminación ningunha

16/12/2019.
Imaxe da rolda de prensa. De esq. a der. Luz Fernández, Angel Cameselle, Emilia Lamas e Lidia de la Iglesia

Imaxe da rolda de prensa. De esq. a der. Luz Fernández, Angel Cameselle, Emilia Lamas e Lidia de la Iglesia

A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras de Galicia logra que máis de vinte mil traballadoras e traballadores da sanidade pública sexan incluídos na carreira profesional do Sergas e das entidades adscritas á Consellaría de Sanidade. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deulle a razón ao sindicato e considera que a dita carreira forma parte das condicións de traballo, polo que non pode haber discriminación ningunha. Asemade, a o Alto Tribunal condena a Administración ao pagamento das custas xudiciais, uns 1500 euros.

Nunha conferencia de prensa que tivo lugar esta mañá na sede nacional de CCOO, a secretaria xeral de CCOO-Sanidade, Emilia Lamas, o seu antecesor, Ángel Cameselle, e a secretaria de Organización da Federación, Luz Fernández, explicaron que a carreira profesional do Sergas parte dun acordo logrado o 29 de outubro de 2017, no que a Administración se comprometía a negociar esta demanda como parte das esixencias sindicais para desconvocar a folga que estaba prevista no ámbito sanitario.

Un acordo discriminatorio

A secretaria xeral de CCOO-Sanidade, Emilia Lamas, lembrou que «a acta do acordo recolle que a carreira profesional sería para todo o persoal». Porén, o pacto entre a Consellaría de Sanidade e os sindicatos CIG, UGT, CSIF, SATSE e CESM, recollido na Orde do 20 de xullo de 2018, deixaba fóra a numerosos colectivos, máis de vinte mil persoas. Por esta razón, Comisións negouse a ratificar a carreira profesional.

Durante as negociacións, CCOO lembroulles ao resto de sindicatos e á Administración que había sentenzas noutras comunidades autónomas que prohibían discriminar o persoal no acceso á carreira profesional. «Non poden alegar descoñecemento, porque informamos destas circunstancias», incidiu Lamas. Asemade ,a voceira de Comisións Obreiras indicou que que «os propios servizos xurídicos da Consellaría, mesmo antes da publicación da Orde, alertaban nun informe de que o contido podía non ser axustado a dereito».

Nestas circunstancias, CCOO-Sanidade iniciou o ano pasado a vía xurídica para defender os dereitos das persoas excluídas da carreira profesional. O TSXG admitiu a trámite en decembro a demanda presentada polos servizos xurídicos do sindicato e agora, un ano despois, coñécese a sentenza, que lle dá a razón a esta organización.

A Xustiza anula tres puntos da carreira

A sentenza do TSXG deixa sen efectos tres puntos da carreira profesional do Sergas, de tal xeito que dá cabo das discriminacións. En primeiro lugar, anula o grao inicial da carreira, que carecía de melloras económicas. Tamén anula a restrición de participación exclusiva do persoal fixo no réxime transitorio e excepcional; deste xeito, poderá participar todo o persoal que cumpra o requisito de tempo traballado, sexa cal for o seu vínculo coa Administración. Finalmente, anula o requisito de ter obtido a condición de traballadora ou traballador fixo antes do 31 de decembro de 2011 para poder participar na convocatoria do ano 2020.

Isto supón que, grazas á intervención de CCOO-Sanidade, todo o persoal do Sergas —fixo, interino, substituto, eventual, funcionario ou laboral— pode optar a cobrar a carreira profesional, sempre que cumpra o requisito de tempo traballado. Todo o persoal ten dereito, asemade, a optar ao réxime transitorio e excepcional —encadramento.

Unha vez que se execute a sentenza —sexa por vontade da Administración ou tras unha nova sentenza do Tribunal Supremo que ratifique a actual—, os efectos laborais e económicos aplicaranse retroactivamente desde o 1 de xaneiro de 2019 para todo o persoal excluído.

Execución da sentenza

Malia que a Consellaría aínda pode recorrer a sentenza perante o Tribunal Supremo, CCOO non vaticina que o Alto Tribunal emende o fallo do TSXG, xa que este mesmo ano se pronunciou en termos similares sobre a carreira profesional nas Illas Baleares, «prohibindo expresamente calquera tipo de discriminación», apuntou Lidia de la Iglesia, avogada do sindicato.

Por esta razón, na mesa sectorial do pasado venres, 13 de decembro, CCOO pediulle á Administración a execución da sentenza e que non obrigue o persoal a comezar con reclamacións individuais para facer valer os seus dereitos ata que chegue a sentenza definitiva do Supremo, «que pode tardar un ano», como apuntou a avogada de CCOO.

FACEBOOK

TWITTER